Thursday 16 de May de 2024

A Xunta licita a redacción do proxecto e dirección de obra para a rehabilitación do inmoble da rúa San Andrés 88, na Coruña


O inmoble foi adquirido no marco do programa Rexurbe por un importe de máis de 520.000 euros

A Xunta de Galicia licitou o contrato para a redacción do proxecto e dirección das obras de rehabilitación dun inmoble emprazado na rúa San Andrés, número 88, na cidade da Coruña.

O importe de licitación é de máis de 76.000 euros e o prazo para a entrega dos proxectos básico e de execución será de tres meses dende a sinatura do contrato.

A previsión do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) é obter catro vivendas no inmoble unha vez sexa rehabilitado, que serán cualificadas como de promoción pública e pasarán a formar parte do parque público de vivendas propiedade deste organismo, adxudicándose a través do Rexistro de demandantes de Galicia.

Cómpre lembrar que o inmoble a rehabilitar foi adquirido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo por máis de 520.000 euros no marco do programa Rexurbe, que é unha iniciativa da Xunta para comprar inmobles deteriorados ou en estado de abandono co obxectivo de recuperalos e destinalos despois a alugueiro social.